martes, 12 de agosto de 2008

O Estado admite que 55.000 galegos ficarán sen TDT

O PP revela un informe oficial no que o ministerio de Industria admite que 'unha porcentaxe da poboación galega, principalmente do medio rural, quedará sen servizo de TDT'.

Un informe da web do Plan Avanza sobre a Televisión Dixital Terrestre (TDT) cifra en 55.451 os galegos que non poderá acceder as canles públicas tras o apagamento analóxico en abril de 2010. A situación é máis grave para as canles privadas estatais, ás que non poderán acceder 180.215 galegos.

O 93,5% verá as privadas

O ministerio de Industria admite que “unha porcentaxe da poboación galega, principalmente do medio rural, quedará sen servizo de TDT”. En concreto o documento indica que “o despregue das cadeas estatais públicas e privadas, na data do apagamento analóxico en Galicia, chegará ao 98 por cento e o 93,5 por cento, respectivamente, da poboación”. É dicir, que preto do 7 por cento dos galegos está en risco de non poder ver as emisoras privadas estatais.

Atrasar o apagamento?

O PP explotou este documento para atacar á xestión da Xunta. O deputado César Pérez Ares pediulle “por enriba da mesa os cartos necesarios” para evitar estas zonas de sombra, que afectarán especialmente as aldeas.

É máis, o deputado apuntou a posibilidade de que a Administración atrase o apagamento. “Se non se acada o 100 por cento de cobertura a Retegal e Albertis non lles quedará outra que pedir unha prórroga”, denuncia o deputado en previsión dos problemas que poden afrontar as operadoras encargadas de despregar a rede da TDT en áreas con pouco poboación.

Concellos por debaixo do 5 por cento

O certo é que o plan de despregue fixa porcentaxes de cobertura a incrementar paulatinamente. Así, a finais de ano o sinal debería chegar ao 90 por cento dos galegos. Desafío “imposíbel” de cumprir para o PP, pois “a cobertura en 53 concellos se sitúa por debaixo do cincuenta por cento”. Hai municipios como Entrimo ou Pontedeva onde a actual cobertura non chega ao 5 por cento.

Á vista destas cifras, César Pérez Ares acusou á Xunta de non investir dabondo e lembrou que a FEGAMP, o órgano que xunta aos concellos do país, xa pediu máis cartos. Segundo os seus datos, o executivo autonómico só convocou 250.000 euros de subvencións aos municipios.

Segundo os conservadores, Galiza só contará con 159 'gapfillers' –pequenos reemisores– a final de ano. Cada un destes aparatos ten un custe de “entre 18.000 e 30.000 euros”.


Fonte: anosaterra.org

No hay comentarios: