jueves, 11 de septiembre de 2008

Retegal leva as emisións de TDT aos concellos de Xunqueira e Monterrei

O operador de telecomunicacións galego Retegal S.A. en colaboración coa Secretaría xeral de Comunicación da Xunta, a través da Dirección xeral de Comunicación Audiovisual, despregou dous novos reemisores dixitais nos concellos de Xunqueira de Espadañedo e Monterrei, equipos que tamén proporcionan cobertura a algunhas zonas do concello de Verín.

Os novos reemisores teñen por obxecto difundir os sinais da rede autonómica galega que na actualidade transmite dúas programacións de Televisión de Galicia e que no futuro incluirán as programacións de dous operadores autonómicos privados. Trátase de dous equipos de última xeración de 5 watios de potencia, e inclúen cancelador de ecos, o que os fai máis robustos ante as interferencias doutras emisións e dos fenómenos meteorolóxicos. Estas actuacións supón un investimento de preto de 30.000 euros.

Facilidade na recepción

Os novos emisores teñen as mesmas características de radiación que as emisións analóxicas preexistentes, polo que non será necesario reorientar as antenas para recibir as emisións en dixital na zona de cobertura. Simplemente haberá que dispor dun decodificador TDT ou dun aparello de televisión adaptado ao TDT. No caso dos edificios de vivendas haberá que adaptar tamén as instalacións de antena colectiva para sintonizarlos á nova canle de televisión dixital.

Co fin de asegurar o correcto despregamento da tecnoloxía TDT en Galicia, Retegal S.A. colabora coa Dirección xeral de Comunicación Audiovisual, no desenvolvemento dunha serie de medidas como a subvención para o despregamento de microrreemisores dixitais, coñecidos como gap-fillers, a posta en marcha da oficina técnica da TDT, a creación do portal temático da Televisión Dixital Terrestre de Galicia ou o plan piloto da Fonsagrada.


Fonte: a rexión

No hay comentarios: