miércoles, 20 de febrero de 2008

A televisión dixital non poderá verse en toda Galicia

O despregamento da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en Galicia, que culminará co apagamento analóxico en abril de 2010, non garantirá aos espectadores que poidan ver a totalidade de canles públicas e privados aos que teñen acceso actualmente. A dispersión de poboación existente na comunidade autónoma (a maior de toda España) implicará problemas para que os usuarios das comarcas con menos habitantes poidan acceder ás catro canles de televisión privados que emiten actualmente en aberto en toda España (Antena 3, Tele 5, Cuatro e la Sexta). Estas televisións terían que realizar un despregamento similar ao que están desenvolvendo as institucións públicas para garantir que a súa cobertura sexa idéntica á que teñen agora e non parece probable que o fagan, dado o alto custo que supón estender a cobertura aos núcleos menos poboados.

O apagamento analóxico chegará máis tarde ás provincias de Lugo e Pontevedra

O director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta, Manuel Xosé Fernández, presentou onte en Santiago os plans da empresa pública Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal) para estender a TDT ás distintas comarcas galegas. A localidade lucense da Fonsagrada será a primeira á que chegará o apagamento analóxico na primeira semana de abril. A partir desa data, só poderán acceder ás canles de televisión convencionais os fogares que dispoñan de equipos preparados para recibir o sinal dixital. Esta será unha experiencia piloto que servirá como proba para a extensión da TDT ao resto de Galicia.

O apagamento analóxico definitivo chegará antes de final de ano aos municipios do leste da provincia de Ourense. Veranse afectados 16 municipios que contan cun total de 44.184 habitantes e entre os que se atopan Verín, A Gudiña, Cualedro, Monterrei e Riós. As seguintes comarcas serán as de Santiago, Pontevedra e Deza, que contarán en exclusiva con sinal dixital durante o primeiro trimestre de 2009. Neste caso a poboación afectada achegarase ás 360.000 persoas.

Fernández explicou que as dificultades que poden ter os usuarios para acceder ás canles privadas responden a que estes non están dispostos a realizar cuantiosos investimentos para ampliar a súa cobertura a zonas con escasa poboación. A extensión da cobertura das televisións públicas a un 98% da poboación galega terá un custo estimado de 15 millóns de euros, dos que xa se investiron aproximadamente a metade. Para entender o esforzo que supón levar a TDT aos núcleos de poboación máis illados basta sinalar que para unha cobertura do 96% do territorio son necesarios 85 centros reemisores, mentres que para chegar ao 98% serían necesarios outros 45.

Retegal despregará este ano 24 centros emisores para Televisión de Galicia (TVG) e os operadores privados galegos (Voz TV e Popular TV) e outros 20 para Televisión Española que se abrirán dentro da colaboración que mantén a compañía pública galega coa empresa Abertis para estender a cobertura da canle pública estatal. A creación de centros emisores por parte de Retegal completarase con outras oito instalacións para estender o sinal dos operadores privados.

Fernández considera que as dificultades para estender a tecnoloxía dixital en Galicia son "lóxicas" se se ten en conta que a extensión da televisión analóxica a elevadas porcentaxes de poboación xa supuxo un gran esforzo económico ao longo de varias décadas. "Hai que recordar que en Galicia hai máis de 600 reemisores para televisión convencional e agora trátase de facer un esforzo similar pero cun horizonte temporal máis reducido", indicou Fernández, quen recordou que apenas quedan dous anos para a data prevista para o apagamento da televisión analóxica no ámbito estatal, que está previsto para o 3 de abril de 2010.

Entre as zonas de Galicia ás que chegará máis tarde o apagamento analóxico atópanse a maior parte das provincias de Lugo e Pontevedra, ademais da comarca coruñesa do Barbanza. Estas tres zonas suman máis de 1,2 millóns de habitantes.

O director xeral explicou que a partir de agora intensificaranse as campañas de información sobre a TDT para permitir que os usuarios galegos estean preparados no momento en que se implante esta tecnoloxía. Fernández apuntou que moitos fogares estanse adaptando sen sabelo á tecnoloxía dixital, posto que a maioría das novas pantallas planas xa conta cun dispositivo preparado para recibir o sinal dixital.

Fonte: la vanguardia (adaptación)