sábado, 1 de marzo de 2008

Siemens e InOut TV lanzan un servizo de pago por visión na TDT

Siemens lanzou o receptor Gigaset M665T PVR por medio do cal os usuarios da TDT poden gozar dun videoclub sen saír de casa, en calidade dixital, sen cotas mensuais e con tres películas gratuítas para probalo. O servizo denomínase "Butaca TV e complementa ás xa avanzadas prestacións deste equipo, que permite ver e gravar a TDT de forma revolucionaria.

Nunha presentación realizada pola empresa, xunto a InOut TV (a desarrolladora da plataforma de servizos do descodificador, que leva anos colaborando co fabricante), esta mañá, en Madrid, os responsables de ambas as empresas avanzaron que as películas do servizo pódense alugar en calquera momento, sen depender dun horario fixo de programación e sen cotas mensuais.

Pago por visión

Trátase dun sistema de pago por visión co que tan só se paga o que se quere ver. O sistema funciona da seguinte forma: os profesionais de InOut TV envían, a través das ondas da TDT, unha selección de títulos efectuada pola empresa Mediaxpress (filial do grupo Techfoundries, especializada na xestión de dereitos audiovisuais e que mantén acordos coas principais produtoras de Hollywood e distribuidoras de cine, tanto nacional, como internacional, para a comercialización electrónica dos seus títulos.

Os contidos enviados pola TDT son almacenados nos discos duros dos equipos PVR. Unha vez a película ou vídeo chegou ao cen por cento, o título aparece dispoñible e o usuario decide se desexa ou non velo. Ademais de películas de aluguer, a empresa envía de forma gratuíta trailers e vídeos en formato podcast de Internet. Deste xeito, os usuarios do servizo poden configurar o tipo de contidos que desexan recibir, segundo xénero e borrar aquilo que non lles interese.

Sen cotas mensuais

Doutra banda, o servizo non require pagar cotas mensuais e as películas de aluguer (dez ao mes) están dispoñibles desde 2,5 euros. Tampouco é necesario conexión a Internet nin complexas instalacións; para gozar del tan só é necesario contar con sinal de TDT, un televisor e un destes PVR's. O usuario pode darse de alta por Internet ou polo teléfono en InOut TV.

Cada vez que desexe alugar unha película ou vídeo de pago, só terá que enviar un SMS cun código e, automaticamente, cargarase o importe da película segundo o método de pago elixido. Sen levantarse do sofá, a película estará lista para verse nuns instantes. Este sistema de pago é o mesmo validado na recente proba de TV de pago sobre TDT, en Alcázar de San Juan, efectuada xunto á produtora Mediapro e á desarrolladora tecnolóxica SIDSA.

Todos os descodificadores Siemens Gigaset M665T PVR (os novos ou os xa instalados nos fogares) recibirán unha versión de software que incorpora este servizo. O PVR ten unha capacidade de 40 horas de gravación de disco duro e dous sintonizadores (pode gravar ata dous programas ao mesmo tempo).

Nun futuro, cando os receptores de Siemens integren o estándar MPEG-4, o servizo poderá cargar contidos en Alta Definición.

Fonte: sateliteinfos.com (adaptado)