martes, 18 de marzo de 2008

Os veciños da localidade piloto (A Fonsagrada, Lugo) que iniciará o apagamento analóxico empezan a recibir descodificadores de TDT gratis

Os veciños da Fonsagrada comezarán a recibir mañá de forma gratuíta uns 2.000 receptores da Televisión Dixital Terrestre (TDT), dado que o seu municipio será a localidade piloto coa que se iniciará o apagamento analóxico en España o próximo 5 de abril.

O dato trasladouno o alcalde socialista da Fonsagrada, Argelio Fernández, quen asegurou que entre os seus administrados existe "moito interese" por ver como se producirá este acontecemento que converterá ao seu municipio no pioneiro de España que recibirá o sinal a través da TDT, é dicir dous anos antes que o resto do país.

Este municipio da alta montaña lucense foi elixido pola Secretaría Xeral de Comunicación para desenvolver un proxecto piloto de implantación da TDT e a Xunta será quen custeará os descodificadores ata entregar un por familia, nun municipio de 5.000 habitantes distribuídos en 200 núcleos de poboación.

Para esta experiencia piloto xa están instalados os dous principais emisores do sinal dixital, aos que se unirán outros 5 reemisores de menor potencia pero que irán orientados a facilitar o sinal nos puntos máis conflitivos dentro dun municipio que, como recordou o seu alcalde, presenta unha orografía "moi complicada con vales orientados en todas as direccións".

O rexedor fonsagradino tamén se mostra especialmente "satisfeito" porque o seu municipio fose elixido para esta experiencia piloto, xa que, recorda, "sempre nos caracterizamos por ter problemas coa recepción dos distintos sinais televisivos".

Ademais pon especial énfase en remarcar que a nova tecnoloxía TDT non terá custo algún para os seus veciños e que a instalación do descodificador é "en grao sumo sinxelo e non hai que facer nada raro".

Fonte: la vanguardia (Adaptado)

No hay comentarios: