martes, 20 de mayo de 2008

O 'apagamento analóxico' adiántase en Soria ao 23 de xullo

O cesamento das emisións analóxicas de televisión producirase no resto de España o 3 de abril de 2010

O ministro de Industria, Comercio e Turismo, Miguel Sebastián, anunciou hoxe que o apagamento analóxico, previsto en toda España para abril de 2010, adiantarase en Soria ao próximo 23 de xullo. O pasado 5 de abril, o municipio da Fonsagrada, en Lugo, de 4.800 habitantes, converteuse no primeiro de España en proceder ao cesamento das transmisións analóxicas de televisión, que recibiu por primeira vez o 9 de febreiro de 1961.

O municipio da Fonsagrada foi seleccionado dentro dun plan piloto de transición á tecnoloxía dixital da Xunta. Os técnicos consideraron que "as características demográficas e orográficas" da Fonsagrada convertíano en "un excelente laboratorio dixital e no mellor banco de probas para a televisión do futuro", sinalou entón o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

O adianto ao futuro de Soria forma parte doutro proxecto piloto, neste caso organizado por Rede.é, unha entidade pública dependente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, co fin de estudar o comportamento dos consumidores ante o cambio tecnolóxico. Desta forma, Soria adiántase dous anos ao apagamento analóxico que terá lugar no resto do país o 3 de abril de 2010, reiterou Sebastián.

O denominado Proxecto de Actuación Específico para Soria recibiu de Industria un financiamento de 3,25 millóns de euros. O último estudo de implantación da televisión dixital terrestre nesa provincia, realizado en marzo deste ano, revela que, grazas ao proxecto, o 84,6% dos fogares incluídos nel reciben as canles de TDT a través das distintas plataformas (ondas terrestres, satélite, cable, etcétera); o 97% dos edificios destinados a vivenda teñen adaptada a súa antena e o 78,3% dos fogares dispón de descodificador desta tecnoloxía.

Inicialmente, o ámbito territorial do proxecto incluía Soria capital e 68 localidades da provincia, que sumaban 48.000 habitates, 18.000 fogares e 3.000 edificios de máis dunha vivenda. Finalmente, por razóns de orde técnica, quedan dentro do proxecto 161 localidades, ademais da capital, o que supón 51.026 habitantes, 18.550 fogares e 3.090 edificios de máis dunha vivenda.

Para facilitar a adaptación á TDT dos fogares, o Ministerio de Industria puxo en marcha un plan de axudas. A contía das mesmas é de 450 euros por edificio, pertencente a unha comunidade de propietarios, para a adaptación das instalacións colectivas de recepción de televisión; de 60 euros para a compra dun descodificador; e de 15 euros adicionais para a súa instalación.

Na actualidade conviven os dous sistemas de emisión, analóxico e dixital, e, de momento, poucas televisións parecen apostar decididamente pola TDT, que sofre certa carencia de programas atractivos que inciten aos cidadáns a adaptarse desde xa á nova televisión.

Fonte: elpais.es

No hay comentarios: