martes, 10 de marzo de 2009

Investigadores andaluces traballan nun sistema para recibir televisión dixital a través de Internet

O Centro Andaluz de Innovación e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), con sede no Parque Tecnolóxico de Andalucía, en Málaga, traballa nun sistema para permitir a recepción do sinal de televisión dixital a través de Internet con posibilidades de servizos interactivos.

O dispositivo funciona en primeiro lugar como un "set top box", ou decodificador, que permite a recepción da televisión dixital por IP (Internet Protocol). Ademais, terá capacidade de reproducir vídeo baixo demanda (VoD), o que facilitará ao usuario o acceso a contidos multimedia de forma personalizada, polo que poderá ver o contido que desexa sen axustarse a horarios ou programacións fixas. Así mesmo fará posible a execución de servizos multidifusión, utilizando unha mesma rede para o envío simultáneo a varios nodos.

Crearase tamén unha plataforma de servizos interactivos sobre o decodificador de IP utilizando a linguaxe estándar MHP (Multimedia Home Platform, sistema intermediario para aplicacións interactivas da televisión dixital), que é onde radica a súa principal novidade. "Actualmente non existe no mercado ningún dispositivo capaz de descodificar o sinal de televisión dixital a través de IP que sexa compatible co estándar MHP", polo que este desenvolvemento colaborará no cambio cara á televisión dixital ampliando as súas canles de recepción e servizos asociados á mesma, explicou Desirée Bellido Toré, directora da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) do centro.

Esta iniciativa, bautizada co nome de "Diseti", pretende facilitar ao usuario unha televisión de sistema aberto e linguaxe estandarizado sobre a que teña máis control. Trátase de que "os interesados accedan a canles de formación personalizados, teleasistencia, compras, reservas, consultas, xogos, descargas, configuración e programación de contidos, entre outros, e todo iso dun xeito cómodo, accesible e manexable", detallaron os seus promotores.

Fonte: ibinews.com

1 comentario:

Paulo Simões dijo...

Este sistema en Portugal esta muy avançado.

vide:

www.meo.pt
(existente por sat e ADSL-IPTV)
(MEO és de la Portugal-Telecom)

e

http://acesso.clix.pt/televisao/index.html

Clix es tambien um provedor de telefone e internet ADSL